O director do Igape, Javier Aguilera, reuniuse no Porriño con representantes das compañías agrupadas en IS Group para acelerar a súa internacionalización no país africano. O obxectivo do proxecto é mellorar o seu volume de negocios aplicando o seu coñecemento á crecente industria de automoción e aeronáutica que se está a desenvolver no norte de Marrocos. O programa de Economía e Industria para impulsar as primeiras implantacións conxuntas de empresas galegas no exterior prevé mobilizar este ano 6 millóns de euros.
O Porriño (Pontevedra), 18 de febreiro de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo hoxe un encontro no Porriño con representantes de Integral Service Group, unha agrupación de empresas que está a facilitar co apoio da Consellería de Economía e Industria a implantación comercial en Tánxer (Marrocos) de oito compañías do sur da provincia de Pontevedra de sectores como o auxiliar de automoción, o aeronáutico e o téxtil.
Durante o encontro desenvolvido na sede de Aega Automática y Electricidad S.L., Aguilera Navarro destacou o potencial da cooperación para que as pemes poidan internacionalizarse, así como o impulso que está a dar a Consellería de Economía e Industria aos procesos de internacionalización do tecido empresarial galego.
Como un dos mellores instrumentos, Aguilera salientou a cooperación ao abeiro do plan Primex, no que está a participar IS Group, e que este ano prevé mobilizar arredor de 6 millóns de euros en investimentos promovidos por grupos de polo menos tres empresas dispostas a cooperar para impulsar a súa primeira implantación comercial en mercados internacionais.
En IS Group cooperan, contando co apoio deste programa, oito empresas do Porriño, Vigo e Ponteareas: Neuwalme, Francisco Fernández Lijó, Orval, GIPAT, Delta Montajes, Aquapunto, Indupor e Aega, que ademais lidera a sociedade localizada na Zona Franca de Tánxer, en Marrocos. O obxectivo de IS Group é proxectar a actividade de cada unha das empresas agrupadas para ampliar e mellorar o seu volume de negocios aplicando o seu coñecemento industrial á crecente industria de automoción e aeronática que se está a desenvolver no norte de Marrocos.
O Plan Primex da Consellería de Economía e Industria impulsou polo de agora a posta en marcha de preto de 50 proxectos de cooperación nos que participan 250 empresas galegas que se están a implantar en 21 países. A presentación de solicitudes ao abeiro da convocatoria de 2014 está aberta ata o próximo 3 de marzo.